No almorzo de hoxe estiven a pensar na convivencia.

Hai un mes, días despois de comezar co monotema destes días na España, e co pouso do tempo, con moita análise pausada, escoita activa e o pensamento tranquilo e relazado fiaba unha primeira idea con certo criterio sobre o asunto. Dicía entón, simplemente, que concordaba no fondo, mais discrepaba coas formas. E o aplicaba a ambos os dous bandos.

Pois hoxe, pasado algo de tempo, creo que podo reafirmarme no que dixen entón.

Pero coido que cómpre engadir un breve comentario, aplicable tamén a ambos bandos: coas vosas formas, as que mostrastes todos vós, individuos e seres públicos, as que vos teño visto, vexo e temo que verei, non só discrepo firmemente senón que, en xeral, estou avergoñado coma persoa, individuo, cidadá ou ser humano.

Sodes conscientes de que tralos insultos, as faltas de respecto, as bravuconadas e bravatas que soltades, as risas e celebracións cando o supostamente contrario cae, as humillacións e os desexos de humillar; sodes conscientes de que tralo voso envío de máis dun individuo a sitios non moi agradables e coas peores das formas, de que máis alá de aplicacións ou imposicións de leis e normas legais; sodes plenamente conscientes de que todos nós, hoxe e despois de tanto e tan pouco, seguimos vivindo e convivindo xuntos? Sodes conscientes de que seguimos estando os mesmos de sempre e, en xeral, coas mesmas ideas de sempre?

Francamente, prefiro pensar que é algo que non tivestes en conta. Porque se é feito a conciencia, sodes conscientes de coma os calificastes cos vosos actos e as vosas verbas?

Pensade un chis: como compartimos agora a nosa vida con normalidade despois de tanto? Como podemos convivir xuntos despois de todo o que dixemos ou escoitamos e de como foi dito? Como están as nosas relacións personais, esas que supostamente están por enriba de todo, despois de tanta agresión, despois de faceros de altofalantes gratuítos das ideas non sempre conciliadoras de terceiros?

De verdade podemos (e mesmo temos que) aceptar que non pasa nada, que nunca pasa nada, que nada ten consecuencias e que os nosos actos e as nosas verbas non firen nunca? De verdade que o único que temos é o dereito de dicir, de falar, de soltar o que nos pete cando nos pete e coma nos pete por enriba dos demáis? Non temos tamén mesmo o deber de calar, se cadra, para respectar?

De verdade que temos que tolerar todo? De verdade credes que hoxe todo ten que seguir igual e vai seguir igual que antes, que hai un mes?

De verdade non imos cambiar?

Na pinga musical unha sinxela e fermosa canción de Sopa de Cabra interpretada con Amaral no concerto Volem acollir. Coido que non precisa máis explicación.

Se queres comentar algo... adiante!

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.