Entón, de quen veño sendo?

Benvido ao meu tobo. Pasa, por favor, e ponte cómodo.

Preséntome: nin son blogueiro nin esto é un blogue aínda que eu escriba de cando en vez, WordPress publique, deixe que compartamos, e ti, cando che apetece, pasas por aquí e les. E xa por sermos de todo optimistas, se cadra, ate comentas algo e todo.

Así é, o meu tobo, único espazo do universo no que este animal pode sentirse seguro.

Aquí atoparás unha escolma de pequenos pensamentos en zapatillas convertidos en xuntanza de letras; unha pequena morea de ideas, ideiñas e ideotas; xurdidas todas elas con bata da casa e as zapatillas postas.

Non teñen relación especial, nin intención nin criterio. Seguramente, son coma eu son e pareceránse máis a min do que nun principio nin puidera imaxinar. E eu non son máis que persoa ás veces, outras cidadán, as máis animal con roupa. Técnico e profesional en ocasións, simplemente tecnificado en outras. Estudiante ou ensinante, case que nunca estudiado. Con corazón ou con cabeza; con sentido común, con sentido do humor, con sentido do gusto ou, se cadra, sen eles e só consentido.

En fin, só hai en común unha única cousa entre todo o que por aquí: nacen nunha mesma cabeciña. E, síntocho, confésoo: é a miña.

Se queres, e aproveitando que xa estás por aquí, podes seguir este blogue por RSS ou mesmo por correo, enchendo o forumulario que atoparás ao carón destas letras. E se algo quixeras falar comigo en privado, podes facelo cumprimentando este formulario de contacto.

Graciñas por vires. Espero que disfrutes!

Advertisements