A puta realidá

El sol no calienta por igual en todas las cabezas
sino que pregunten al que está bajo nuestro pie.

Escribo cando visitan as musas.
Non veñen, chamo por elas…
Non responden, alguén as retén
e con elas a min tamén.

Non saio ao mundo:
unha mochila chea bloquea o paso.
Non vivo, pero deixo vivir.
Non morro, mais déixame morrer!
Non como, deixo comer,
e despois de rumiares
regurxitas merda.

Así se vive
sen poder hibernar,
na puta realidá,
ghuste ou non ghuste,
entre especulacións baratas,
ilusións rotas,
castelos no aire,
proxectos vagos,
políticas de sumidoiro,
intentos de promesas,
sorrisos de mentira,
alentos de morte,
mans que afogan…

Teño tanto e non teño nada.
Teño cariño, teño sorrisos
teño bicos e non teño nada.
Teño unha escura tobeira
onde non sae o sol
na que poder acocharme, feliz,
mentras cada día, pola fiestra
entra luz e lume e aire e fume,
e cheiros noxentos que enganan sentidos,
e cantos de monstruosas sereas,
palabras baleiras e frías.

E alí espero, deitado rente ao mar
a que chegue ese último momento
no que só te quedará chorar.

Advertisements

Seguir a soñar

Espertar.
Abrir os ollos. Volver en si.
Nun día, nunha mañá,
nunha sobremesa calquera.
Nunha conversa festiva
de copas, de cañas, de bares, de amigos.
Espertar, sen estares durmido.

Amencer, de novo,
con palabras que rebumbian,
e que oes e que escoitas e que se repiten
coma cantinela baleira,
aprendida sen saber significados
dos ditos que se din mal ditos.
Malditos!

Escoitar, oir:
soñador, utópico realista,
arquitecto de sociedades imaxinarias,
creador ideal de realidades inmellorables
e imposibles,

imaxinador de futuros inimaxinables,
buscador de estrelas inexistentes“.

Sentir marabilloso o insulto,
e profunda e preciosa dor.
Non é posible cambiar o que vives?
Ledicia infinita, desesperanza máxima.
Duro,
doente espertar
e querer des-espertar.

Espertar.
Sen remedio, de súpeto, espertar.
Espertar e esperar que pare,
que eu xa me baixo eiquí,
que neste camiño
que levo e que levamos e que queredes
espertar, tarde, haber hemos.

Espertar.
Abrir os ollos. Volver en si.
Decatarse de que nada foi un soño,
porque a propria vida é o meu soño
e os soños,
a miña vida son;
soñador utópico realista.

Espertar.
Si, espertar.
E seguir a soñar.