[14/05/2017]

No almorzo de hoxe estiven a pensar na semana que entra.

Porque de novo, nesta semana, un ano máis, toca celebrar o Día das Letras Galegas. Algo que, para alguén que usa habitualmente (mellor ou peor, pero habitualmente) a nosa lingua de Rosalía, esta data deixa, desta volta, un sentimento de tristura: xa empezo a pensar que un día só de nada serve.

O día dezasete é o día no que todos os xornais da terra saen á rúa en galego. Fenómeno. Mais o resto do ano, coma dicía aquel, pois xa tal. Debe de ser que os topónimos galegos, que con tanto orgullo levan na súa cabeceira, só son indicativos de identidade un día ó ano, dous se cadra, e coma moito, por iso do Día de Galicia. O resto do ano a identidade só é obxecto de márquetin de venda dependente da nacionalidade ou, por mellor dicir, da ideoloxía dos cartos que cheguen ó peto. Pero a lingua non é negocio.

Ese tamén é o día no que todos usamos o galego e, temo, os máis con sentimento finxido. Poque toca. En fin, menos dá unha pedra, certamente, e non farei condena pública do esforzo. Mais si do finximento, da hipocresía idiomática. Vou facer crítica(?) do deslexo co que actúamos o resto dos días. Mesmo moitos deses dun día de homenaxe para acougar conciencias practican trescentos sesenta e catro días de desterro e mesmo humillación lingüística. Pero cun arrepentimento no último momento non se gaña o ceo porque a lingua tampouco é cuestión de crenza.

Este mesmos son os que despois vense na obriga(?) de usar ese galego de finximento en actos públicos e oficiais, en escritas profesionais con membrete de órgano oficial. Eses son os que ven a lingua coma cousa allea e de outros, os que cando falan negan a propia realidá defendendo que nesta sociedá todos estamos saíndo da crisi. Pero non é realidade, senon ideoloxía. E a lingua non é tampouco cousa de ideoloxías.

A estes non os censuro máis que a aqueles que, na suposta defensa do noso, defenden unha lingua do pasado ou doutras latitudes. Entendo que unha lingua é un ser vivo e que, no caso da nosa, da galega, moi vivo nos últimos anos tempos nos que diferentes circunstancias, mesmo políticas (e a lingua non é política), levaron a diferentes evolucións normativas. Pero entendo tamén que estas evolucións, dun xeito ou doutro, van máis alá de intereses individuais ou de colectivos concretos. Así o galego, entendo, e goste ou non, é eso que chaman o normativo (que manda truco) e non nin o lusista, o reintegracionista, o diglósico ou o castelanista.

Ou imaxinades, por exemplo, defender o castelán normativo de tempos Cervantes ou Góngora ou o inglés dos tempos de Shakespeare? Ou mesmo sería lóxico que se defendera que o castelán é o que se fala, que sei eu, no Rif? Ou o inglés o do Ulster? Todo son linguas, todo e lingua, pero para entendérmonos teremos que usar convenios conxuntos, non si? Ou non é obxectivo de todos cando falamos ou escribimos que nos entendamos? Xa que logo, que facemos loitando entre nós para ver cal é máis lingua? Porque a lingua non é tampouco nin tempo nin espazo.

Eu, seguramente diglósico, bilingüe quizáis algún día, quixera rematar esta escrita cunha mensaxe de ánimo: usa a nosa lingua sempre. Úsaa. Úsaa mesmo mal, mais con criterio de mellora. Comete erros, si, e sé suficientemente crítico contigo mesmo coma para recoñecelos, por ti mesmo ou por outros que te acheguen correccións. Porque para ser lingua viva somos os vivos os que temos que mantela en vida. Os mortos xa non poden falar. Sexamos dignos desta maravillosa herdanza cultural recibida porque, no fondo, todos somos culturas.

E porque se algo é unha lingua é cultura.

Na pinga musical de hoxe vou ser repetitivo. Repetitivo porque é a nova do día: Eurovisión. E repetitivo porque vou ser un máis de tantos que a recolle e comparte. Que conste non me gustou. Nadiña. Non é do meu gusto. Pero non lle resto nin calidade nin, por suposto, discuto a unanimidade vista nos resultados das votacións. Mais tampouco quero que vexades, menos no contexto da escrita, un uso partidario. Eu non quero arrimar o lume á sardiña do galego. Teño claro que a lingua gañadora foi o portugués, non un galego de ningunha clase.

Si, gañou unha canción nunha lingua minoritaria (en Europa) que representa un estado apartado da Europa do capital (e tampouco quero usar o feito coma armamento político do momento) ou dos centros de decisión, dunha Europa case que illada a conciencia. Pero si, coido, podemos aprender unha cousa: ter personalidade propia, ter cultura propia, ter lingua propia e, sobre todo, usala con naturalidade pode ser fonte de éxitos en todos os eidos.

Por iso é que, dende aquí, os meus parabéns para Salvador Sobral pola victoria da RPT no Festival da Canción de Eurovisión 2017 coa canción “Amar pelos dois” que aquí vos deixo, interpretada tas saberse gañador, en compaña da súa irmá e compositora, nun xesto que fai especialmente grande a figura humana do intérprete.

PD: Se en España se fixeran as cousas ben outro GALO cantaría…

Advertisements

Se queres comentar algo... adiante!

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s