[06/11/2016]

No almorzo de hoxe estiven a pensar nos nosos fillos.

E, por se alguén está perdido, eu non teño fillos. Si teño postizos, lembrando sempre aquilo de “¿dónde está tu mujer y mis hijas?” que tanto ás claras explica a relación que temos no grupo de amigos. Pero o motivo desta escrita non é tanto o natural, a xénese, o humano, o reproductivo, canto o educativo ou ensinativo.

Pensei neste asunto motivado por varios feitos que veñen sucedendo nos últimos tempos arredor deste mundo. Por unha banda, a coñecida coma LOMCE e as reválidas. Por outra, a folga de deberes que pais convocan a través dos seus fillos. Finalmente, esa especie de corrente imposta de que, coma son nenos, teñen que estar nunha burbulla de protección e eu, que son pai, teño dereito a todo o que me pete para mantela e, coma ti non tes, non podes dicir nin chío.

E case que comezo por este último punto porque, en aplicación, se certo fora, non podería ter escrita a primeira destas palabras. E, por suposto que nego a maior. No peor dos casos son un terceiro afectado, terceiro sufridor desas consecuencias de crearmos nenos enburbullados.

De que consecuencias falo? Pois, por exemplo, das que sufro coma condutor polo suposto dereito a levar en coche a todos os cativos ó colexio, situado a apenas 300 pasos do portal de cada casa. E así, 200 coches queren aparcar, á mesma hora, na porta do centro. E, por unha lóxica cuestión de física básica, non caben nunha fila. E fan dúas implantando legalidade forzada para a dobre fila. Ou fan tres. Ou catro. E o que hai quince minutos era unha vía circulatoria pasa a ser unha  vía obstruída pola que hai que circular e esquivar a pais con fillos das mans que camiñan con toda a impunidade polo medio da calzada ou a cativos que saen correndo dos coches sen mirar e cruzan coma se estiveran xa no patio do colexio. E entón, resulta que cando queríamos facer as cousas por seguridade dos cativos provocamos un exceso de peligrosidade.

E finalmente pregunto: ese rebumbio é verdadeiramente polos nenos ou esa explosión de libertinaxe é en realidade comodidade e dereito dos pais a?

Nesta mesma liña penso cando oio que “pais convocan unha folga de deberes“. Moi presente teño unha vella frase que dicía que cando o diaño aburre, mata moscas co rabo. E, hoxe en día, grazas ó estado do mercado laboral, dáme que hai moitos diaños aburridos. E todo o mundo sabe o que todo o mundo ten que facer. E, por suposto, así o fai público. Mesmo estas letras poderían chegar a encadrarse nesta idea. En todo caso, eu trato de respectar as decisións que cada profesional toma dentro da súa profesión. E eu considero a mestres e profesores profesionais que tomarán a decisión de, por exemplo, encargar certos deberes, e na cantidade que consideren axeitados en cada caso. Somos, pois, o resto, quen de dubidar da decisión dun profesional porque, quen a sofre é o meu neniño?

Decatádevos do pouco que gostaríamos de que as nosas decisións profesionais coma avogados ou economistas ou técnicos ou médicos o aquilo-que-fora-que-sexamos foran discutidas e censuradas coma se non tivésemos maior idea do noso asunto profresional, para o que tanto esforzo, tempo e cartos teremos adicado? E, se gostamos dese respecto para nós, porque non o practicamos tamén para con os demáis?

É posible que o que haxa detrás destas revoltas sexan causas baseadas en que a ensinanza é un servizo público que realizan funcionarios e se decide mediante leis redactadas baixo criterios de ideoloxía política e non tanto de obxetividade técnica polo que, coma cidadáns cremos estar no dereito de esixir (que o temos) o que queremos (igual xa non temos tanto dereito) e como o queremos. E, claro, a ensinanza convértese nun feito opinable, de gustos. Que son coma os cús: cada un temos un.

Entón, na opinión dos dun bando, as chamadas reválidas son boas. Nas do outro, son horribles. Nas dun terceiro, as probas de selectividade son as boas e nas doutro, que sei eu, análises psicolóxicas, ou físicas, ou clínicas… E hai que impoñer unha sobre outra. Impoñer o meu sobre o teu. E neste xogo de imposicións, onde queda o verdadeiramente importante, que é o desenvolvemento da persoa, algo que estamos a utilizar coma desculpa e non coma obxectivo?

Din, e mesmo convén lembrar, que na escola, co esforzo de mestres e profesores, ensínase, apréndese, pero na casa, da man de pais, familiares e amigos, edúcase. E a ver se vai ser que estamos moi preocupados e desviando a atención sobre un asunto descoidando o outro…

Remato por hoxe, que xa bastante falei, coa pinga musical. E doutro xeito non podería ser que coa frase final desta canción: ensina ós teus fillos a amar a liberdade.

Advertisements

Se queres comentar algo... adiante!

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s