[11/09/2016]

No almorzo de hoxe estiven a pensar nas redes sociais.

En realidade, porque volvin oir unha frase que ultimamente teño oído algunha que outra vez de máis, esa de “estou canso das redes sociais“. (Si, ou cansa, ou cansa…)

En realidade, penso eu, cando dis así é porque o que estás é canso (si, ou cansa) non dos sistemas ou aplicacións informáticas, senón das persoas, termo que non deixa de ser este un apelativo optimista e cariñoso para ese conxunto de animais con roupa xentes que nos rodean sen remedio nin continuidade.

Seguramente as redes sociais son o feixe de mentiras que nos parecen que son. Mais ou menos, tal e coma somos. Vamos, que as redes sociais non son outra cousa máis que a transposición da nosa vida á pantalla do ordenador, unha transposición que queremos que sexa idílica, evidentemente, dunha realidade que vivimos moito máis decolorida, paupérrima e desgrazada.

Vamos, en realidade as redes sociais son o medio de cultivo perfecto para esas bacterias destrutivas de nós, eses feixes de mentiras, de medias mentiras ou de medias verdades.

Bueno, en realidade, penso que as redes sociais, se algo son, é un medio de transparencia. Coma ese “Portal de Transparencia“, que lle chaman ós políticos ou gubernamentais, no que dan a coñecer a realidade interna que interesa dar a coñecer e que resulta ser máis significativa do que parece. Si, as redes sociais son un dos mellores medios onde ver a realidade dos seres humanos mesmo máis alá do que os seres humanos queren que vexamos, onde descubrir o que hai detrás do animal con roupa que se amosa coma quere amosarse, unha peneira onde separar o millo da palla.

E todos somos así. Sen excepción. Todos. Non nos enganemos. Todos. E primeira persoa do plural. Dixen ben: nós. Só que, xa se sabe, cóllese antes a un mentiroso que a un coxo, non si? Todos somos así e todos xogamos a tapar o que non queremos que se vexa pero non todos podemos tapar todo, nin podemos tapar todo o que queremos tapar, nin somos capaces de tapar polo método do afogamento dos demáis. Mesmo aínda que algúns sexan uns artistas niso, lembro que a ventana de Johari, goste ou non goste, deixa unha parte de nós fóra do noso propio control.

Entón, que teñen as redes sociais? Estás cansado das redes sociais ou das persoas, como te dicía? Pois xa digo: falar de redes sociais en realidade é falar dos usuarios, que alí están.

E eses usuarios son persoas que conectan na obscuridade da habitación, na soidade do teclado do ordenador, mesmo na frialdade do café dun almorzo dun día rutineiro namentras o seu teléfono intelixente (sigh…) carga a enerxía que non teñen para afrontar o día de traballo. Polo que, se te decatas, se o pensas friamente, nas redes sociais somos máis nós que rede, e somos inconscientemente moito menos públicos ou sociais coma cremos, e moito máis persoais e individuais do que, seguramente, cheguemos a gostar para estar expostos ó mundo.

E tomamos ás redes sociais coma un xogo. Mágoa que, en realidade, son persoas, a vida mesma. E a vida mesma é o que, finalmente, tomamos coma un xogo.

E, entón, ese xogo podería facernos dano. Pero non doe: só doe quen deixamos que doa.

Para a pinga musical de hoxe escollín un grito de liberdade sincera, de independencia, personalidade e autenticidade dende aquela Movida que empurraba a toda unha sociedade que espreguizaba, que espertaba lentamente de todo e abria os ollos a todo; grito de despreocupación do que podan chegar a dicir, a contar ou a pensar.

Ou, dito doutro xeito, a quen lle importa?

Advertisements

Se queres comentar algo... adiante!

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s