[28/08/2016]

No almorzo de hoxe, despois da época estival, estiven a pensar na función pública (que non é o mesmo que política).

En realidade é unha escrita que amosa que por máis tempo que pase non cambian cousas cando do que se trata é, en resumo, de cartos, que é o que hai detrás de todo todo todo nesta vida de economías globais. E estes, non cambian.

E todo isto porque volvín tropezar cun artigo dun xornal que dicían textualmente que “la Concejalía también ha contratado a [Empresa] en lugar de encomendársela a los servicios municipales“. Pouco que engadir a esa frase que amosa de xeito evidente o que, dende hai anos, este animaliño con barba vén dicindo en público, en profesional e en privado. Que o que? Pois que se está a baleirar de contido a Administración.

Considero interesante lembrar que un empregado público ten que gañar a praza entre múltiples candidatos, miles en ocasións, despois dun forte esforzo individual de preparación. E aínda hoxe, anos e anos despois, teñen que xustificar profusamente que para acceder á función pública teñen que superar con mérito probas, exames, avaluacións e mesmo exames psicolóxicos en condicións de mérito, publicidade e igualdade (creo lebrar que así é a fórmula legal). Isto non vale para nada?

Podo dicir que os técnicos públicos queren, mais moitas das veces non poden. Tanto porque non deixan coma porque non teñen os medios humanos, técnicos ou organizativos que puideran precisar. E mesmo vense obrigados a confiar na “externalización de servizos” coma solución para facer os traballos do servizo ó cidadán que este reclama e o político gobernante promete alegremente. E, claro, aí temos o pé para despois sufrir e escoitar de xeito paralelo que a solución do problema é eliminar tanto burbullas nas administracións coma o criterio indefinido do traballador público (“e xa verías coma se poñen as pilas!“) e mesmo recurtarlle os seus lexítimos ingresos (“que moito chupan do bote“).

Vexamos por partes. Que se chegue a pensar o segundo cando, seica, o salario medio (si, xa sei, é un dato estatístico) rolda apenas os mil euros e a perda de poder adquisitivo dos traballadores públicos nos últimos anos vai, segundo din, pretiño xa (ou mesmo por riba) do cincuenta por cento pois, en fin, non sei, pero igual está ben de recortes feitos pola patronal -gobernos e políticos- para salvar e salvagardar os negocios da santa nai banca, non?

Do primeiro, da temporalidade dun funcionario, hai demasiado ruxe-ruxe interesado en que así fora. Son moitos os cartos (outra vez) públicos que podería haber en xogo. E volven falar outra vez, en tempos de pseudo-pactos de goberno e eleccións constantes, de temporalidade “necesaria” porque “hai demasiado persoal” [e sei de equipas de empregados públicos nas que constan sete nos papeis -seguramente poderían sobrar catro- pero de xeito efectivo está un só], “non son útiles” [e non paran de producir funcionar] ou “non fan nada” [lembrades que dixen de que non podían porque non deixan?].

Pero a ver, alma de polo, ¿de verdade pensas que ese político ou gobernante que ti defendes con tanta paixón e vehemencia, sexa da cor que sexa, se pode non vai quitar do medio a quen considere arbitrariamente que non é dos seus? E non cres que será para colocar os que supostamente son dos seus e tan só por seren dos seus, sen máis mérito ningún, en condicións de desigualdade total entre cidadáns ou candidatos, sen publicidade nin libre competencia? E mesmo sen coñecementos, titulación, cualificación, habilitación ou competencia? Iso é realmente o que queres? Ou é o que che (lle) interesa? Pois vexo que é o que defendes.

Claro, nese caso, a parte “boa” será que os funcionarios daquela si que ían recuperar poder adquisitivo. Anda que non!

Entendo que os que están aí estarán sometidos a uns dereitos (e tamén a unhas obrigas) adquiridos no momento da sinatura e segundo as regras que existían nese momento. Pois de variaren, tería que ser por acordo de ambas partes, ou? Non se poderán cambiar de xeito unilateral as regras dun xogo a metade da partida e polos intereses dunha parte, non? Porque, nese caso, quen é o uni-lateral para cambiar as regras? Só unha ou as dúas partes? Só a patronal, chamada Goberno, pode cambiar as regras ou o proletariado, o empregado público, poderá tamén cambiar as regras segundo o seu propio interese individual?

Eu, vaia, comezo a pensar cal pode ser solución en previsión destas mamandurrias: sacar algúns carnés de cores por aí… non vaia ser o demo…

Imos cunha pinga musical. Nun mundo no que perdemos máis tempo en buscar culpables antes que causas, hai tempo que sei que ten a través de Def Con Dos a culpa de que esteamos todos aquí (ollo coa letra) “mirando las obras con los jubilados porque ya no nos dejan vivir de los kleenex […] la gente no quiere coger propaganda y ya nadie consume castañas asadas. […] Paciencia hoy y hambre mañana. […] ya no es negocio limpiar parabrisas ni llorarle a las viejas que salen de misa. Y pienso con mi última neurona: ¿Por quién doblan ahora todas las campanas? ¿Por qué Uri Geller doblaba cucharas? ¿Por qué al despertarme tengo legañas? ¿Quién quema el monte y quién lo apaga?

Pois iso, está claro que “la culpa de todo la tiene Yoko Ono (y el espíritu de Lennon que le sale por los poros)“.

Advertisements

Se queres comentar algo... adiante!

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s