Tiña ilusión e fun poeta por un libro.
E a ilusión non morre: mátase.

Coma cocho polo San Martiño,
un coitelo afiado, longo,
chega xusto ao berce,
onde agardan
versos non escritos.

Coma coello ben cebado
agasallado cun golpe na caluga
tan forte coma traizoeiro,
tan duro coma certeiro,
tan esperado coma inmerecido.

Silencio imposto
a voces do firmamento
que locen con luz propia.
Quen pode apagar a luz
dunha estrela no ceo?

Vergoñas alleas
expostas en público
para glorias putrefactas
de egos encadeados
ao aplauso barato.

Seica as sombras son alongadas
cando a humildade é dos outros
e non se sabe entender
desta bendita gloria que é estar
neste fermoso segundo plano.

Tiña ilusión: chamábanme poeta.
A ilusión seméntase.
E boa semente anuncia colleita.

Se queres comentar algo... adiante!

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.