Poemario colectivo “Alén do silencio” – 100 poetas, 100 poemas

Vou permitirme unha paréntese no fío habitual deste blogue para presentarvos un fermoso proxecto no que teño a honra de participar.

Apenas aínda non deixaran de soar as badaladas que marcaban os primeiros segundos deste novo ano 2014, recibín unha mensaxe no teléfono. Era similar a outras que teño recibido, xa que me invitaba a publicar, a participar nun proxecto colectivo de poesía. Pero en esta ocasión era distinta, especial. Sorprendeume por ser enviado por quen foi. E sorprendeume na mesma cantidade na que me sentín marabillosamente a gusto e profundamente alagado.

Mais coma en outras ocasións, neste primeiro momento declinei a oferta.

Si, xa sabedes: non teño interese en publicar. Mellor expresado sería que non son eu quen para decidir que a miña escrita é digna dun libro que suscite o interese en lectores máis alá dos que visitades esta tobeira. E, ademáis, e non é postureo, que xa volo teño confesado, non me considero con calidade literaria para sumarme por iniciativa propia a unha nómina de escritores en lingua galega que admiro; poetas dos que ninguén ten a menor dúbida da súa calidade que, insisto, eu si dubido ter. Eu só xogo coas verbas de cando en cando, coa mellor intención, e na procura de non ser desagradable e sempre, sempre con todo o respecto a poetas e poetisas. Así son e así ten que seguir sendo.

O caso é que a conversa non rematou aí. Nos días seguintes esa boa amiga, e mesmo alguns outros máis, insistiron en que me unira ao proxecto, en que cambiara de opinión. É agradable ter amigos tan bos e, como tales, falaban. Pero tamén, pouco a pouco, ía recibindo frases, pequenas palabras, desas que se envían de xeito inconsciente e tanto significan, parágrafos que inspiraban confianza e mesmo transmitían ilusión polo simple feito de que eu participara.

E, vaia, quén sou eu para negarme a esa ilusión? Evidentemente ninguén.

Polo tanto, o que quero compartir con estas verbas son moitas cousas xuntas. Por unha banda, e antes de nada, o meu agradecemento e cariño a esas voces que fixestes que me animara a participar neste fermoso proxecto e a esas que me axudastes a escoller a escrita. Sabedes ben todo o que vos quero e mesmo admiro como persoas, amigas, compañeiras, loitadoras… Seguramente non vos merezo pero, seguramente, sen vós eu non sería.

Tamén quero invitarvos a seguir e coñecer e compartir o proxecto. Para iso, usade esta linkaxe ou pulsade na imaxe que vedes máis abaixo.

De certo que é unha aventura fermosísima. Naceu coa idea de publicar un libro con cen poesías de cen poetas e poetisas diferentes e que, aínda que non coñezo o número definitivo, o reconto final pode superar os cento cincuenta escritores en lingua galega, galego-portugués e portugués. Coido que o interese suscitado é superior ao imaxinado polos propios organizadores, persoas estas aos que agradezo públicamente o traballo, o esforzo, o tempo adicado e a oportunidade que nos dan a moitos.

100x100

Portada do evento creado no Facebook

No día, ou por mellor dicir, na noite na que escribo estas palabras, deitado no meu sofá e co cóbado maltreito, aínda son moitos os detalles do proxecto por pechar. Tantos coma a ilusión crecente, confeso, de ter nas miñas mans, na miña humilde biblioteca, unha copia de Alén do silencio”, o libro resultado desta viaxe, título elexido nunha votación libre entre os que por alí andamos implicados, porque así é esta aventura.

Coido que debo de rematar xa e cun detalle máis ben mundano. Pode que algúns de vós teñades interese en facervos cunha copia do libro, xa que entre os autores que participan hai verdadeiros artistas e poetas de calidade e sensibilidade excepcional. Polo de agora, polo visto, non vai ser tarefa sinxela salvo para os que formamos parte da nómina de autores pero, se algunha oportunidade xorde, será no evento do Facebook. Eu, pola miña banda, se alguén quixera copia, que me avise, e verei qué podo facer…

De verdade, seguide o proxecto, unídevos ou colaborade, participade e, sobre todo, coidade da nosa lingua, das nosas letras. É o máis grande tesouro e riqueza inmaterial que temos.

Advertisements

2 reflexións sobre “Poemario colectivo “Alén do silencio” – 100 poetas, 100 poemas

    • Veremos cara onde é. Se cadra, é un paso ao frente e, de diante, e non o vía, hai un precipicio…

      Deixemos que o tempo faga o seu traballo e, namentras, disfrutemos deste fermoso proxecto. 😉

Se queres comentar algo... adiante!

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s