Cen escritos: unha renovada declaración de principios

Xamáis imaxinei chegar aquí.
Xamáis o imaxinei. Xamáis.
Hoxe, este escrito seica é o meu artigo número cen.
Cen historias, cen sentimentos.
Cen ideas, ideíñas ou ideotas.
Cen momentos de inspiración lírica.
Cen xuntanzas de palabras de vocabulario en constante aprendizaxe.
Cen demostracións das miñas limitacións.

Durante estes cen escritos
a miña vida creceu tamén.
Vivín. Eu vivín.
Pouco máis e mellor podo dicir: vivín.
E vivín contigo.
E ao tempo, o contador do blogue creceu, en paralelo.
E aínda coa evidente ausencia de calidade, ti seguiches
e segues visitando estas letras.
E eu sigo abraiándome das túas visitas,
das túas palabras de ánimo,
das verbas de felicitación.
Alagado estou por todo este tempo.

Só coñezo unha palabra que poda reflectir
o sentimento que gostaría de transmitirte:
grazas.

Neste tempo, antes ou despois, algúns de vós tedes insistido:
“tes que difundilo máis”,
“tes que compartilo máis”,
“tes escritas moi dignas”.
Incluso algún de vós chegou a dicirme
“tes futuro: deberías de loitar por publicar nun libro”.
Eu… agradecido.
Abofé que agradecido polas vosas achegas.
E non volo nego, mais non volo pago.

Non, non son nin serei quen de decidir nese aspecto:
é algo que só podo reservar para vós.
É firme a miña humildade,
forzada, se cadra, diredes algúns,
pero necesaria, como boa práctica de vida.
Quero ser moi consciente de onde está o meu límite
e coido velo e telo moi cerca
.
E coido non ser quen
para decidir,
100postspara valorar,
para compartir,
para difundir.
Non, eu non son quen.
Non son xuíz, non son evaluador.
É algo que, na miña opinión,
e si, todo é opinable,
non me corresponde, en ningún caso, a min.

Eu só podo aspirar ser o que son,
un pequeno vertedoiro de palabras arrexuntadas en frases
e parágrafos ausentes, as máis das veces, de calidade.
Conformar, de cando en cando, textos públicos
para quen desexe achegarse libremente.
Bastante limitado son.
Bastante xa me custa decidir
qué e cómo compartir,
nunha eterna loita interna entre o deber e o poder,
o respecto e a creación,
a liberdade e a racionalidade,
a calidade e a incapacidade persoal.

Certo é que non me escondo.
Non, non me escondo: aquí estou.
Pero certo é que non me publicito
porque non son quen de facelo.
Non, eu non. Non eu.
Aquí, na miña tobeira, estase ben a gusto,
nunha marabillosa escuridade protectora,
coas vosas achegas delicadas coma alimento necesario,
e axexando pola pequena fiestra
os placeres poéticos e líricos e gráficos e fotográficos
de quen sí ten esa calidade, esas cualidades,
para seren moito nun mundo inxusto
de artistas populares con éxito e sen mérito
e artistas meritorios sen popularidade.

Non quixera,
non podería citar a ninguén de xeito especial,
pero non podo evitar lembrarme da que é a miña musa.
Pobriña ela, inxustizas da vida poética,
só consegue comigo os limitados resultados que vós xa coñecedes…

Cen escritos.
Si, cen escritos.
Aínda non dou creto.
Un número tan redondo para unha cura psicolóxica

como tantas veces para min é este blogue,
cura para animal ferido, enfermo de soidade,
de cariño, de sentimento,
de desexos e de ilusións.
Cen escritos.
E sen tentalo.

E porque sí,
porque, como o grande poeta dixo,
en palabras aínda non superadas,
de certo é que me gosta
e me peta e dame a gaña.
E de cando en cando gosto de compartir con vós
un anaco do lixo que acumula este corazón,
seguramente pútrido,
agochado tras da pantalla dixital.

Seguen sendo, e procurarei que así sexan,
non máis que sentimentos en zapatillas,
pensamentos en roupa de casa
,
creacións que nacen dende a intimidade,
sen obxectivos, razóns nin intencións.
E namentras teña oportunidade
e a necesidade acompañe,
aquí seguirei,
dende a distanza,
e coa única referenza da confianza
de quen fala con quen está sentado
ao seu carón,
no sofá do salón,
nunha casa humilde, cativeira,
ao calor dun fogar,
o noso fogar,
o meu tobo.

E dende o meu tobo,
grazas, mil grazas.

Advertisements

Unha reflexión sobre “Cen escritos: unha renovada declaración de principios

  1. Pingback: Cen escritos: unha renovada declaración de principios | ESPACIO CONCHA M / ESCRITORA / CRITICA / PERIODISMO .

Se queres comentar algo... adiante!

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s